O debate, tristemente de actualidade, sobre a materia de educación física e a súa presenza-ausencia nas aulas do bacharelato, está conseguindo poñer de relevo posicionamentos mais propios da incapacidade de deseñar un modelo social educativo, que de avaliar e atender as verdadeiras consecuencias negativas que se poidan derivar da ausencia-minoración da súa carga lectiva.
Os responsábeis están a trasladar á sociedade (pais, nais, organismos, colectivos, colexios profesionais, etc.) o enganoso debate sobre qué materias teñen que perder presenza no currículo, ou a ver quen ten mais forza ou quen se defende mellor, e mentres, nesa distracción, o decreto segue o seu imparábel camiño.
Por qué non falamos de modelo educativo galego, e do papel que desexaríamos que ocupase a educación física, como verdadeira educación do corpo ao longo das diferentes etapas da vida .
Por qué non falamos da demagoxia que supón a dotación investimentos indiscriminados e puntuais para avaliar canto mal están os nosos nenos e as nosas nenas galegas (obesidade e sedentarismo), para, acto seguido, non facer nada cando se pode actuar con lexitimidade normativa .
Por qué a algúns se lles enche tanto a boca cando explican e defenden a importancia da actividade física e o deporte nunha sociedade galega actual, moderna e do benestar, e logo trémalles tanto o pulso cando redactan decretos
Faise Inevitable revisar a normativa estatal actual onde o real decreto de 2007, polo que se estabelece a estrutura do bacharelato así como as súas ensinanzas mínimas, propón como obxectivo desta etapa, que os estudantes sexan capaces de desenvolver capacidades que lles permitan utilizar a educación física e o deporte para favorecer o desenrolo persoal e social.
Interesante obxectivo do goberno español; o problema é que para iso só estabelece un mínimo de 1 sesión en primeiro de bacharelato, e ningunha sesión en segundo. Moitas grazas, Sr. Zapatero, por incumprir o cuarto punto da páxina 205 do seu programa para as Xerais de 2004, onde se comprometía a estabelecer o incremento dos horarios curriculares e non curriculares de educación física e actividade deportiva no centro escolar, en todos os seus niveis educativos.
Permítanme un apunte previo, o 30 de novembro de 1894 (si, si, leen ben), unha Real Orde estabelecía como límite menor o de 3 horas semanais (non sesións), dentro do aula e, polo menos, dúas ao aire libre.
...Pero menos mal que en Galiza temos a competencia en Educación, o que supón que unha vez marcado ese mínimo estatal sempre teñen os gobernos autónomos a decisión última sobre o número definitivo de horas no currículo.
Pois mal outra vez; no caso de Galiza, o anteproxecto do decreto engade, ademais do que propón o español, impulsar conductas e hábitos saudabeis, pero para iso só contempla unha única sesión semanal en primeiro (35 sesións de 50 minutos ao ano), e ningunha en segundo. É dicer, aumentan os obxectivos, pero diminúen as horas; sabia decisión...
Aquí empezan as incoherencias e as paradoxas. Por unha banda o decreto galego autoimponse mais obxectivos que o estatal para a materia de educación física pero, curiosamente, curiosamente reduce de dúas sesións actuais en primeiro curso a unha única sesión; eso si, mantén ningunha en segundo!!!.
A Consellaría de Educación debería respostar ao seguinte grande enigma: sabendo xa da súa proposta de reducción horaria, e se o decreto estatal non estabelecese un mínimo obrigatorio dunha sesión, cal sería o seu posicionamento Proporía xa directamente a desaparición completa da materia de educación física A todas luces esa semella a súa tendencia, non si...
Por outra banda, outra pregunta que nos facemos os que realmente nos preocupamos do significado do decreto, é a seguinte: redactores/as e ideólogos/as do decreto, realmente creen vostedes que cunha sesión semanal durante o primeiro curso (35 sesións de 50 minutos ao ano) e ningunha no segundo, os estudantes de bacharelato poden acadar os 14 obxectivos que plantexan no decreto
Estanse a rir dos profesionais do sector cando pretenden con esa mísera proposta que os nosos nenos e nenas acaden un coñecemento do seu propio corpo, experimentación das súas posibilidades motrices, formación de hábitos de práctica regular de actividade física e un modo de vida no tempo libre que inclúa unha actividade física por e para a saúde, que compense o sedentarismo .
Qué mente estrañamente concebida pode, dende a ética e a deontoloxía profesional, asumir a elaboración dun texto lexislativo no que se propoñen 35 sesións de 50 minutos en educación física, e en dous anos, para organizar, participar, coñecer e valorar a práctica de actividade física e os seus efectos; desenvolver as capacidades motrices e adquirir un estilo de vida saudábel; aprender a planificar e avaliar para xestionar un proxecto persoal para a saúde; coñecer, organizar e practicar xogos motores, actividades deportivas e actividades no medio natural; coñecer e aplicar normas básicas de hixiene postural ergonómica, e técnicas de relaxación, e un longo etc. mais .
Haberá alguén que, obxectivamente, teña tan poucos escrúpulos como para facer desto un marco lexislativo vinculante, logo de seren evidenciada a situación preocupante da nosa poboación escolar
E a cousa non remata aí. Alegremente proponse no decreto un obxectivo número sete onde os/as responsábeis pretenden, asemade de todo o anterior, que nesas mesmas 35 sesións en dous anos, desenvolvan as capacidades motrices para consolidar unha aptitude motriz que permita a preparación axeitada de probas de acceso aos estudos vinculados á educación física ou probas de acceso de carácter profesional.
Isto último xa supón ignorancia absoluta sobre a capacidade e as posibilidades do traballo docente de centos de profesionais galegos do ensino, así como descoñecemento absoluto da resposta biolóxica (condicional e coordinativa) dos milleiros de estudantes que cursan o bacharelato.
Moitos destes últimos terán que preparar o seu acceso a profesións como a de bombeiro, corpos de seguridade, protección civil, socorrismo, etc, e outros terán que preparar probas de acceso aos diferentes estudos de educación física. Estimados gobernantes, só resta suxerir que tamén lles consulten a eles, para saber o grado de satisfacción e potencial cumprimento dos obxectivos que se plantexan no seu decreto.
No hay comentarios:
Publicar un comentario